Saturday 27 de April de 2024

A veciñanza pobrense formarase en historia, fitoterapia e musicoloxía con Camiños de Coñecemento e Experiencia


A poboación maior de 50 anos da Pobra do Caramiñal terá ocasión de se formar cunha nova edición do programa de democratización do coñecemento da Universidade de Santiago de Compostela (USC) Camiños de Coñecemento e Experiencia que potencia as disciplinas científicas, humanísticas e artísticas.
Esta sétima convocatoria porá o foco na historia, fitoterapia e musicoloxía a cargo de persoal docente vencellado co proxecto e seguindo a metodoloxía teórico-práctica.

A concelleira da Cultura, Patricia Lojo, apunta que a Administración local pobrense é unha das institucións colaboradoras deste proxecto formativo e de extensión cultural “que tamén contribúe ao envellecemento activo a través do exercicio intelectual, ademais de descentraliza-la educación universitaria das principais cidades galegas para aproxima-la á veciñanza maior de 50 anos de localidades máis pequenas.”

O seminario A relevancia, a diversidade e a riqueza do patrimonio cultural inmaterial galego: unha aproximación á Historia da Música Galega e aos instrumentos de percusión marcará o inicio das aulas no 5 de marzo da man de María González Blanco, quen proseguirá no día 7 cun obradoiro.
María Pilar Riveiro López ensinará sobre Plantas medicinais: aplicacións e usos nos días 8 e 11, coa parte teórica primeiro e a práctica despois.

E no día 13 tocará aprender da man de José Manuel Vázquez Lijó con Escolas, alumnos e mestres nas vilas e aldeas de Galicia (1750-1950) para, no día 14 visita-lo Museo Pedagóxico de Galicia (MUPEGA).
As clases desenvolveranse en horario de tarde, no Auditorio do Museo Valle-Incán, agás para aquelas sesións que requiren saída. A matrícula formalizarase na casa da cultura Raquel Fernández Soler, co teléfono de contacto 981831545.